xoves, 16 de xullo de 2015

A mirada do silencio


A mirada do silencio, de Joshua Oppenheimer, galardoado infinitamente por The act of killing. A historia desta vez  é a da culpa, da masacre, da intolerancia, do odio… Como dí a canción “Sorry seems to be the hardest word”.
Acontece en Indonesia tendo como punto de partida o ano 1965 no que por un golpe de estado militar se produce unha masacre indiscriminada de “comunistas” baixo o nome do patriotismo, do perigo… No só mataron a milleiros de comunistas, senón tamén a calquera mostra de disidencia co horror, aos amigos, ás familias…Estes mesmos asesinos son agora o actual goberno. Persoas sen escrúpulos que fan mofa sobre ese acto de matar, arrancar os ollos. Remóvesenos algo por dentro ao ver que non hai remordementos en ningures, conxélasenos a sangue, sangue derramada. Os bebedores de sangue rinse, glorifican as súas actuacións. A nós parecenos noxento. Só queremos perdón. Non é pasado, senón que o pasado constrúe o presente.
O único xeito de cambiar as cousas, é facerlle ver ao mundo esta barbarie. Creo que calquera pode velo, e sentir a impotencia de Adi, o protagonista.  Un optometrista de 44 anos, nunca mellor metáfora dunha persoa que trata de cambiar esas imposturas que están afincadas na sociedade, que nos fan tragarnos as mentiras e ficar en silencio. Nunca mellor metáfora dunha persoa que trata de cambiar esa sanguenta perspectiva das cousas.
Ao irmán de Adi Rankum, matárono e torturárono os bebedores de sangue, como aparece nunha película que este mira ao longo dos acontecementos, inmóbil, apresado pola falta de humanidade de aqueles que contan con moita impudencia como o mataron do xeito máis atroz.

Quédase (e quedámonos) apresados ante a constestación dos verdugos  cando vai entrevistalos, ou coa recurrencia das gafas. A dor sentímola mesmo no silencio de Adi que só busca o perdón,  a verdade…
E semella que as bebedores de sangue aínda non saciaron a súa sede. E algúns aínda buscan desenterrar aos seus mortos, como acontece en España. En busca de explicacións morais, non só políticas.
En definitiva, é unha historia de como a propaganda se convertiu en realidade, na verdade.
A paisaxe da mentira. A paisaxe. A mentira.

“Bali é moito máis fermosa sen os comunistas”.“Se non bebéramos sangue humana volveríamonos tolos”.“Todos os asasinos que vou atopando non se sinten responsabéis”.

Licencia Creative Commons